A economía do coñecemento no século XXI [GL]

O noso desenvolvemento económico e social baseouse sempre na liberdade para usar, estudar, compartir e mellorar o coñecemento común e a información. Desde a entrada na era dixital, con todo, a liberdade para acceder e usar coñecemento está fortemente ligada ao acceso á tecnoloxía e o software. Máis aínda, o acceso e uso da nosa herdanza cultural, desenvolvemento económico así como a nosa organización política e social, baséanse cada vez máis na tecnoloxía e o software. No século XXI, o acceso ao software determina como podemos participar na nosa sociedade

Para lograr un acceso igualitario, incrementar o benestar e promocionar a liberdade de elección para todos, necesitamos garantir as mesmas liberdades que adoitabamos ter para o coñecemento e aplicalas ao software. Estas liberdades son certas no caso do Software Libre: a liberdade de uso para calquera propósito, de estudo do código fonte, de compartir co teu veciño ou con calquera, e de mellora e publicación do software cando un queira. Usando e desenvolvendo Software Libre, o estado español pode beneficiarse destas liberdades para alcanzar a autonomía dixital, fomentar economías locais e incrementar o benestar tecnolóxico e intelectual da xente.

Para as eleccións xerais de 2015, unímonos como un colectivo de organizacións benéficas non gobernamentais e sen ánimo de lucro para facer avanzar a España cara á liberdade da era dixital. Con esta campaña pedimos aos candidatos políticos de todos os partidos que asinen un pacto polo Software Libre: Este pacto convida o goberno a ser un actor fundamental na difusión e desenvolvemento do Software Libre, fomenta o uso do Software Libre en institucións e organismos públicos, e aspira a maximizar os beneficios tecnolóxicos do Software Libre na sociedade e economía españolas.